Imprescindible Pepe Álvarez


Sacaba os rapaces da aula e levábaos polo monte.
Non quería tirar de Google para falar de Pepe Álvarez e non se me ocorreu mellor idea que botar man do teléfono e chamar a unha muller de Sanxenxo, a Reme Varela. A primeira resposta súa foi que pouco sabía del, pero que coñecía algunha veciña que podería axudarme. E antes de despedirse soltou a frase coa que comecei a miña intervención: Sacaba os rapaces da aula e levábaos polo monte. Dez palabras bastaron para acender a luz.

Porque está publicado que Xosé Álvarez Castro, Pepe Álvarez, é mestre e profesor de historia xubilado, licenciado en Xeografía e Historia e máster en Educación Ambiental (Fundación Universidad-Empresa. UNED). Que en 2011 a Fundación Alexandre Bóveda lle concedeu o VI Premio Día da Galiza Mártir á recuperación da memoria histórica. Que escribiu artigos sobre historia, medio ambiente e didáctica en diversas revistas e participou como relator en numerosos congresos. Tamén que colabora no xornal Nós Diario, e dende 2008 mantén activo o blog Pontevedra nos anos do medo (http://anosdomedo.blogspot.com), dedicado á difusión da historia da represión na comarca pontevedresa. Sabemos da súa ampla produción bibliográfica: Pontevedra nos anos do medo. Golpe militar e represión (1936-1939), Mourente nos anos do medo. Sociedade, golpe militar e represión e Os anos do silencio. Represión e resistencia na provincia de Pontevedra (1936-1951). Tamén é coautor d’Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron, Rebeldía galega contra a inxustiza, O pasado por vir. Achegas á historia da Pontevedra que desbotou o franquismo e Historia de Lérez. Unha ollada desde Cedofeita.

Que non é pouco.

Pero volvamos ao monte.

No século XVI, un pedagogo e humanista francés chamado François Rabelais facía pasear polos campos a Panócrates mentres lle falaba das árbores a Gargantúa, e ámbolos dous contemplaban de noite o ceo estrelado seguindo o camiñar dos astros. O Padre Sarmiento afirmaba, en 1768, que o neno non debía aprender de memoria, senón que terá a diversión do paseo, e se instruirá no coñecemento das cousas naturais que deus criou, e das cousas artificiais que os homes fabricaron; cando menos, na súa provincia, país e lugar. Teriamos que agardar ata o século XIX para que o excursionismo se implantase no ensino e este método foi un procedemento que identificou o estilo da Institución Libre de Enseñanza.

 


Leo a carta que me enviou Mari Agís, unha alumna de Pepe Álvarez no Colexio de Educación Infantil e Primaria Magaláns.

O recordo que teño del é do innovador que era para ensinarnos certas cousas, porque procuraba sempre levarnos ao sitio para que aprendésemos, e eu non notaba que seguise o currículo estritamente. Ensinábanos cousas que a nós nos parecían súper interesantes, por exemplo: iamos ó monte a buscar setas e identificábanos se eran velenosas ou non, faciamos exposicións con elas... despois, no laboratorio elaborábamos xabóns con aceite usado e sosa, materiais moi perigosos para os nenos, pero faciamos ese tipo de cousas.

Tamén construïamos unha cámara de fotos cunha caixa de galletas, entón estabamos alí quietos esperando a que a cámara fixese a foto e logo revelabamos as fotos no laboratorio con luz vermella e líquidos reveladores. Por outra banda, tamén creabamos tintas con pel de cebola para tinguir las. Así, quédache o recordo de todas estas actividades manipulativas e vivenciais que el facía, porque, no monte aprendiamos as especies arbóreas, os distintos cogomelos... ou incluso en Xeoloxía, tamén coñeciamos e buscabamos rochas.

Á hora de explicar, era como si estivese contando un conto e era moi motivador. Non notabas que tiveras que facer un esforzo para aprenderte iso porque xa quedaba aprendido.

E ese é o recordo que teño eu, de facer moitas actividades súper innovadoras que a min non me parecían que ían dentro do currículo, pero levamos moitas cousas para a vida que non se nos esqueceron nunca máis.

Un don que tiña -que me parece súper importante véndoo agora de adulta, porque antes non te dabas conta- é que captaba a atención de nenos que tiñan dificultades e que non tiñan ningún interese por estudar. Había un montón de rapaces aos que non lles interesaba nada o colexio e que ían alí a non facer nada, e nas clases de Don Pepe sempre poñían moito interese e participaban porque sabía como motivalos.

Outro era acertar as vocacións dos alumnos. Dicía: Ti serías bo mecánico ou bo mestre ou o que fora..., e con moitos dos meus compañeiros acertou. Coñecía moi ben aos alumnos.

Toda esta metodoloxía que tiña el, innovadora e motivadora, non se rifaba para nada coa esixencia, porque despois tamén facía exames, exercicios e estudabamos. Era súper esixente. (As veces, incluso, por experiencia propia, el sabía da capacidade de cada alumno e entón dicíache que tiñas a nota para un sete pero como non te esforzabas collía e dicía un 5 porque ti podes facer máis).

O importante do primeiro que che contei, de todas esas actividades que faciamos da cámara, de tinguir con cebola... era que el buscaba o espazo fóra da aula. Sacaba a actividade ao propio entorno no que estaba a aprendizaxe, que era o que nos motivaba, non estar alí sentados na cadeira e no pupitre facendo exercicios. Espertaba interese e curiosidade por aprender máis.


Outra carta.

Pola miña parte, e a diferenza de Mari, eu so tiven a Pepe de mestre no primeiro trimestre de 1º da ESO, sendo o seu último curso como docente.

Os recordos non son moitos e a parte téñoos mesturados cos da miña nai,  que foi alumna do CEIP Magaláns, e da miña propia etapa nese colexio.

Sempre foi unha persoa que estivo moi presente como exemplo do seu bo facer. Propiamente, só recordo unhas clases moi amenas, divertidas, interesantes e un exame, non sei si difícil, pero si que corrixido estritamente cunha nota estándar.

Como anécdota, nunha clase de Xeografía trouxo anacos de pedras volcánicas, de Canarias creo, para explicalas, e non lembro o proceso de repartición, pero sei dalgunhas alumnas que a teñen presentes nas súas casas. No meu caso, acompáñame sempre nos estoxos que fun tendo na miña etapa académica e é unha especie de amuleto que levo a tódolos exames e probas que teño. Pepe e a súa mensaxe sempre están presentes.

Non é a pedra, senón todo o que representa. Subliña Carmen Sanmartín, que foi alumna súa no Instituto de Ensino Secundario de Sanxenxo


Paciente, perseverante e emprendedor, en sintonía coa natureza, Pepe Álvarez cultiva verzas, espárragos, aguacates, fixalis ou amorodos, poda e coida a parra e elabora viño, enxerta maceiras e pereiras, recupera árbores froiteiras en vías de extinción. Coida un recuncho da nosa maltratada terra e fai mellor o mundo coas súas accións diarias.  É actor e tamén músico. Agardamos que algún día faga soar no Campo das Laudas a gaita que mercou no obradoiro de Seivane.

Ten a prudencia que caracteriza aos sabios, non busca o protagonismo, é xeneroso e non aforra palabras de louvanza para os demais. Non direi del que é un personaxe do Renacemento porque xa o dixeron antes Manolo Ayán e Manolo Vázquez de la Cruz, O Ferruxo, e porque nos atopamos, en Meilide (Cerdedo), temos a uns pasos a casa de Martín Sarmiento, e desde aquí aproveito para afirmar que Pepe Álvarez é un dos seus alumnos máis avantaxados.



Sentimos o seu alento desde o día que puxemos en marcha o Colectivo Capitán Gosende, e o seu exemplo de serenidade convértese nun esconxuro nestes tempos escuros nos que se derruban pontes e se levantan valos, nos que estás comigo ou estás contra min, nos que o rival político é o inimigo, é moeda común a
falta de humanidade, a dureza das descualificacións, a brutalidade, o emprego do insulto, a mentira, a calumnia e o uso de calquera recurso para acadar o poder.

No Cerdedo dos meus vinte anos e pelo longo, moitas noites remataron na beirarrúa diante la casa de Pachi, a última do pobo saíndo cara a Folgoso. Alí falabamos de Herman Hesse e escoitabamos nun radiocasete Sony a Silvio Rodríguez e souben da existencia dun dramaturgo alemán chamado Bertold Brech. Hay hombres que luchan un día y son buenos. Hay otros que luchan un año y son mejores. Hay quienes luchan muchos años y son muy buenos. Pero los hay que luchan toda la vida: esos son los imprescindibles, recitaba  o trobador cubano no inicio dunha canción titulada Sueño con serpientes.

 

Pepe Álvarez é un dos imprescindibles.


Que sexa longo o camiño das xentes que traballan para facer un mundo mellor.

10/23/2025
0

Comentarios

Buscar

Comentarios

Contacto